martes, 31 de xaneiro de 2017

PAZ PARA O MUNDO QUE QUEREMOS

O 30 de xaneiro celébrase o día escolar da non violencia e a Paz e non podía pasar este día sen facer algo especial para deixar unha pequena pegada en cada corazón dos que formamos o cole porque: xuntos facemos a Paz.


Fai uns días pedimos a colaboración das familias que, coma sempre, participaron con moita arte. Partimos deste cadro de René Magritte: "La gran familia". Queríamos reflexionar sobre o que cada un podemos facer para que o mundo sexa mellor e vivamos en Paz.


O resultado foi un enorme mural cheo de preciosas pombas con frases impactantes... moitas grazas, unha vez máis, pola vosa colaboración: xuntamos 114 preciosas pombas!
Puxémolo fora para as familias, pero o vento encargouse de arrincalo. Se queredes desfrutalo en directo estades convidados a velo no ximnasio nas entradas ou saídas, ou martes ou xoves pola tarde.



Se vos apetece ver as pombas unha a unha aquí vos deixamos este vídeo no que soa de fondo a canción que eliximos este ano para cantar xuntos.


Os nenos e nenas de 6º foron os encargados de dirixir esta xuntanza de todo o cole no que reflexionamos e pensamos moito na palabra PAZ.


Desfrutamos moito con todo o que prepararon: traballaron un montón!


Aarón e Paula foron os presentadores das diferentes representacións que compartiron con todo o cole.


A primeira representación titulada: "Juntos hacemos la paz" foi unha divertida e amena forma de ver a diferenza entre a paz e a guerra.


Cristian, Nuria, Paula e Sandra deleitáronnos cuns fermosos poemas recitados en parella.


Os nenos e nenas de 3º tamén quixeron compartir un bonito poema sobre a Paz.


Mirade que ben o fixeron!


Para rematar a participación dos maiores do cole, compartiron unha pequena obra de teatro moi divertida e sinxela na que puidemos ver claramente o importante que é pedir as cousas por favor.
 


Chegou o momento de cantar todos xuntos pola paz, e comezamos cunha canción que todos preparamos coa teacher na clase de inglés: Light a candle for Peace.
 

A música non quixo funcionar... cousas do directo! menos mal que a profe Fátima é unha fantástica directora e nos axudou a cantar fenomenal.


Coa profe Rosa preparamos a canción "Tu enemigo" de Pablo López. Non deixedes de fixarvos na letra, que no momento actual que vivimos é moi significativa.


Non o fixemos nada mal, verdade??

Para rematar esta xornada especial, fixemos una actividade simbólica e moi fermosa.


Grazas a colaboración de varias familias fixemos unha solta de pombas, símbolo de paz e liberdade.


Aínda que a chuvia non nos deixou saír do soportal, foi moi emocionante.


As pombas voaron e todos as despedimos desexando PAZ PARA O MUNDO QUE QUEREMOS.


Aínda que algunha pomba quería quedar no cole jejeje

venres, 27 de xaneiro de 2017

CALENDARIO ANO 2017

Por fin saíu do forno o calendario deste ano 2017 que xa está en marcha. Durante este curso estamos traballando e investigando O MUNDO QUE QUEREMOS.



Cada clase encargouse de ilustrar un mes co tema do proxecto elixido na súa aula. Entre todos traballamos diferentes aspectos que contribúen a que o mundo sexa un lugar mellor. 
Desexamos que vos guste.



Cada clase ten un calendario, e ademais todo o alumnado terá unha copia. 

Algúns traballarán na aula cos calendarios individuais, pero outros mandaranos para casa. 
Aquí vos deixamos algunhas suxerencias por si queredes sacarlle o máximo partido... e se tendes máis ideas: encantaríanos coñecelas!

 

luns, 23 de xaneiro de 2017

COLABORACIÓN PARA O DÍA DA PAZ

Gustaríanos convidar a todo o alumnado e as súas familias a realizar unha sinxela actividade para o día da Paz que conmemoraremos no cole o próximo luns día 30. 
Este ano, o tema das bibliotecas escolares en Galiza e: “ A biblioteca escolar: territorio das artes”.
  

Queremos que o alumnado coñeza un cadro cunha pomba, símbolo de PAZ: “LA GRAN FAMILIA de Rene Magritte”.


Gustaríanos unir o tema da arte co do noso proxecto deste ano: O MUNDO QUE QUEREMOS, e por iso propoñemos unha actividade para reflexionar en familia. 

1º. Dentro da pomba que enviamos a todas as casas, gustaríanos que debuxárades algo positivo, cores alegres... ou o que sexa que pensedes que non pode faltar no mundo que queredes. 

2º. Debedes recortar a pomba e pegala no folio de cor que tamén os mandamos, engadindo unha frase que pensedes que axudaría a que o mundo sexa mellor (agradecemos que vos esforcedes por facelo en galego). 

Aquí tendes un exemplo:



Podedes traelo durante esta semana para montar un gran mural con todas as pombas que fagades, e así xuntaremos un montón de ideas para facer do noso mundo, un mundo mellor.

domingo, 22 de xaneiro de 2017

LENDO A TODAS HORAS

Queremos compartir uns "roubados"... desas fotos que as veces atopas sen buscalas e que son do máis gratificante.


Non vos parece marabilloso atopar esta estampa no medio do patio? metidas na casiña lendo contos ás compis: a nós encántanos!

xoves, 19 de xaneiro de 2017

CANTANTES RADIOFÓNICAS

Un grupo de nenas de 4º presentouse na radio con ganas de cantar e compartir unha cantiga con todos vós. Un aplauso enorme para todas elas!!

mércores, 18 de xaneiro de 2017

OS PEQUES E KANDINSKY

Queredes ver como os nenos e nenas máis peques do cole fixeron esa árbore tan chula? 
Iso e moito máis do que están aprendendo sobre Kandisnky podedes velo premendo na foto.


luns, 9 de xaneiro de 2017

NOVA REVISTA NA BIBLIOTECA

Chegou a nosa biblio unha nova revista que nos encanta. Cremos que as revistas son un gran instrumento para fomentar a lectura porque son moi atractivas e captan a atención.

En canto descubrimos a revista PRINCIPIA KIDS non dubidamos en suscribirnos, é unha revista de ciencia para nenos moi coidada e feita con moi bo gusto, como os seus creadores din, Principia Kids é Ciencia e Ilustrailusión.

Premendo na imaxe iredes directos a súa web na que, dende fai anos, publican artigos de ciencia para adultos, e relatos de ciencia para nenos.
"Principia Kids é unha publicación de ciencia, e polo tanto tamén de cultura, para nenos de 0 a 99 anos. A través de contos e historias, exquisitamente ilustradas, sobre natureza, dinosauros, estrelas, experimentos ou robots, Principia Kids fai accesible e ameno o coñecemento científico aos máis pequenos."



O formato é máis o dun libro que o dunha revista e o seu tamaño máis pequeno resulta moi manexable.
Limos un artigo sobre ela que di: "Contén experimentos, receitas, xogos para atopar as diferenzas, un cómic, e incribles historias que, coma se dun conto tratásese, axúdannos a coñecer temas complexos como o ADN, as rochas ou o arcoiris". Podedes ler este artigo completo no blog de MAMA CONTRACORRIENTE, alí fai un bo resumo da revista, de que trata, idades ás que está dirixida....



Queredes coñecer a historia de Principa? pois premede na imaxe... porque as historias teñen que ser contadas dende o seu inicio...


Primeira revista de ciencia en español para nenos:
Ciencia + Ilustrailusión... 
...verdade que estades desexando vela?

martes, 3 de xaneiro de 2017

A CÉLULA VEXETAL: APRENDENDO AS SÚAS PARTES

Os nenos e nenas de 5º, despois de facer a MAQUETA DA CÉLULA VEXETAL decidimos facer unha imaxe interactiva para poder estudar as diferentes partes da célula. 
Cada un encargouse dunha das partes e, despois de facer os correspondentes guións, gravamos pequenos vídeos que engadimos á imaxe interactiva.
Esperamos que vos sirva para aprender máis sobre a célula vexetal, para os de 5º será moi útil para estudar ;)
Premede sobre a imaxe e... aprende moito!